Sunday 05 de May de 2024

Nada novo sobre a vía Ártabra


Deficiencias de tramitación nos procesos de contratación do treito da Vía Ártabra entre Iñás e a AP9 retrasarán a súa execución, pero en ningún caso impedirán que a estrada se faga como a Xunta tiña previsto. Por moito que o Concello de Cambre se empeñe en dicir que a vía non se pode facer, a sentencia só se refire a certas formalidades administrativas.

Esta é a situación da construción desta importante infraestrutura pública tras o pronunciamento do Tribunal Supremo, que reafirma unha sentencia previa do Tribunal Superior de Galicia que fora recorrida polo municipio cambrés. A sentencia elimina todo o proceso administrativo, que debe volver a iniciarse para cumprir toda a normativa necesaria.

Queda así demostrada a vontade de atascar o proceso que demostrou Goberno municipal de Cambre en relación a esta importante infraestrutura pública. Sábese que a principal motivación para a denuncia ten que ver cunha propiedade privada que o primeiro tenente de alcalde posúe nos terreos que atravesará o novo treito da vía Ártabra.

Este treito é moi importante para dar continuidade ao vial que une o norte da península mariñán (Lorbé) coas grandes vías de comunicación, facilitando a mobilidade tanto residencial como industrial de todo o cordal leste da área metropolitana da Coruña. Un trámite que podía estar rematado en 2 anos, levará 4 ou 5.

A vía, unha vez que remate completamente, mellorará a conectividade da capital cambresa ao ter unha conexión máis directa non só co norte (Oleiros e Sada) senón coa Nacional VI, coa AP9 e coa A6. Ademais, a nivel urbanístico Cambre está obrigado a incorporar a vía no seu Plan de Ordenación Urbana, que está pendente da súa aprobación.